12 de nov. de 2020

"E se pechan as escolas infantís?", lembrando a Preescolar na Casa

Deixamos aquí un artigo copiado textualmente do premiado blogue educativo InnovArte Educación Infantil no que se lembra o importante labor desenvolto por Preescolar na Casa e que a nosa Asociación pretende que non se esqueza. Agradecemos a Ángeles e Isabel as súas reflexións, que sempre seguimos nese blogue e que son referencia para nós: 

"Si finalmente acontece o que non queremos, agora xa non valen os “entretementos” do primeiro confinamento cando non sabíamos canto ía durar aquilo e cando nunca nos viramos en cousa semellante. Haberá que establecer unha estratexia cunhas directrices institucionais que loxicamente non pasarán por manter aos pequenos cinco horas pegados a unha pantalla. Abondan as razóns nas que non nos imos deter porque na cabeza de todas está que non se trata de que as mestras de infantil preparen sesións diarias contando contos, cantando cancións, desenvolvendo conversas, xogando ou facendo psicomotricidade, senón porque non hai criatura que o ature.

Adoitamos dicir que a memoria é fráxil, nomeadamente cando se trata de recoñecer o aporte de alguén á sociedade. Nós sempre temos presente a labor desenvolvida pola Fundación Peescolar na Casa. Unha iniciativa pioneira no mundo, nacida en Galicia en 1977, cando non todos os pequenos podían acudir a unha escola preto da súa casa debido á dispersión poboacional da nosa comunidade. Cos escasos recursos tecnolóxicos desa época, grupos de comprometidos profesionais ben formados, reunían quincenalmente ás familias para dotalos de pautas de crianza, de educación, de psicoloxía e de pedagoxía. Complementábase con programas semanais emitidos pola televisión e radio rexional. Ata a súa desaparición en 2012, varias xeracións de galegos recibiron unha primeira educación de calidade grazas a PnC e á implicación das súas familias.

Velaí a clave: as familias como mediadoras.

Trasladándoo ao presente, sería perfectamente factible e viable, máis cos medios tecnolóxicos cos que contamos, entendidos estes coma un recurso e non coma un substitutivo. Debemos partir da premisa de que a educación infantil debe ser mediada polos proxenitores que recibirían apoio experto para a súa tarefa, ademais de actividades por parte do profesorado que atende ao seu fillo ou filla na escola. Así conseguiríamos xuntar nun exercicio de corresponsabilidade educativa a prevalencia da familia e da escola como primeiros axentes educativos.

Escolas de nais e pais (ou avós) para que saiban tirar proveito da vida cotiá na educación dos máis pequenos. Sinxelo. Posible. Sen saturar ás familias, sen abusar das pantallas, sen escravizar aos nenos. Recuperando o patrimonio e responsabilidade parental.

¿E quen o faría? Afortunadamente, en Galicia temos profesionais sobranceiras que saberán orientar e coordinarse coas mestras titoras para que haxa concordancia e non solapamento entre as funcións. Lembren que estamos a falar de algo moi profesional, non de iniciativas de patacón como algunhas nacidas no anterior confinamento nas que pensaron que con poñer nun programa de televisión a unhas mulleriñas anenadas a facer manualidades e coreografías xa tiñan arranxada a atención educativa á infancia.

Tan só pedimos respecto para as nenas e nenos, para as familias e para as profesionais da educación infantil.

Lembren: non todo vale e isto terá graves consecuencias."

Neste enlace, a entrada no blogue orixinal de InovArte Educación Infantil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario