27 de nov. de 2020

O concello de Arzúa apoia a continuidade do Espazo das Familias

Un ano máis, o concello de Arzúa, ven de conceder unha subvención a esta Asociación, por importe de 1.684,40 euros para a execución do Espazo das Familias nese concello. 

Neste ano tan convulso e complexo, no que foi decretado o estado de alarma e tivemos que quedar na casa, sen poder saír a xogar, nin a ver aos avós, nin  quedar cos amigos no parque, ... 

Neste ano no que xurdiron momentos complicados para as familias que sumaron á preocupación pola saúde e o traballo, a reorganización do sistema familiar, tendo que habilitar espazos para facer teletraballo, facendo malabares para atopala maneira de que as crianzas en idade escolar poideran seguir coas tarefas marcadas, e, ademais atendendo a unha crianza pequena que reclama atención e precisa tamén do seu espazo e de todo o tempo e enerxías de aquelas persoas coas que convive...

Neste ano no que tanto cambiou a maneira de relacionarnos, no que descubrimos outros modos de facelas cousas, nos que estranamos tanto a tantos ...

Neste ano, máis que nunca, é de grande importancia a colaboración dos concellos para poder seguir ofertando ás familias un espazo para o encontro e intercambio de experiencias, onde uns aprenden dos outros e as nenas e os nenos poden xogar con iguais; un Espazo no que, a través das diversas actividades e mediante a observación, as familias poden chegar a coñecer e comprender o desenvolvemento dos seus fillas e fillos, enriquecendo a súa relación e dando respostas axeitadas ás súas necesidades e posibilidades. 

O Espazo das Familias no concello de Arzúa desenvólvese no local da Ludoteca tódolos Martes, en horario de 11'00 a 13'00; está aberto á participación de tódalas familias con nenas e nenos menores de tres anos, que se poden incorporan ao longo de todo o curso.

As familias interesadas en recibir máis información poden contactar a través do correo electrónico antoniogandoyeducacion@gmail.com, a través de facebook ou nos teléfonos 982216001 e 629612897


Ningún comentario:

Publicar un comentario