3 de feb. de 2021

Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural (REDE DO RURAL)

A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy aposta, dende os seus inicio, pola posta en valor do medio rural, algo que nestes tempos de incertezas se volve máis importante ca nunca. Seguindo a pegada de Preescolar na Casa, preservar e desenvolver o rural galego en todas as súas áreas (económica, social, e, por suposto educativa) ten que ser obxectivo prioritario para una sociedade harmónica e humana que pretende mirar cara o futuro con esperanza.

Así, a Asociación socioeducativa Antonio Gandoy é una das entidades que forma parte da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, unha “comunidade de persoas, colectivos e entidades que planifican, traballan e habitan lugares,  aldeas e vilas vencelladas por un fío transversal común: preservar e desenvolver de xeito solidario e sustentable o medio rural galego”, polo que invitamos á incorporación de novas persoas e colectivos, para avanzar na dinámica de interaccións específicas do rural e estender a conciencia comunitaria de grupo, iniciar andainas inclusivas de traballo a prol do común das persoas do rural.

A Rede do Rural acaba de estrear a súa páxina web, que nace “coa vocación de configurarse como ferramenta ao servizo da comunidade do rural galego. Pretende ser palestra e voz integradora coa que interpelar, consensuar, propoñer ou esixir ás Administracións Públicas. Tentará consolidar unha plataforma de troco de experiencias, artigos e estudos arredor do rural, de divulgación de iniciativas, análise de políticas institucionais que afectan ao rural, artigos ou reportaxes de custodia do patrimonio e do territorio, reivindicacións de dereitos das comunidades do rural, artigos de opinión crítica... en definitiva, a finalidade última é converterse nunha canle de comunicación para as persoas, colectivos e entidades que traballan por un rural autóctono, habitable para as persoas, solidario e desenvolvido de xeito sustentable”.

Os obxectivos da Rede céntranse en instar a definición e elaboración dunha nova Estratexia Integral de Desenvolvemento Rural por parte da Xunta de Galicia e, particularmente, en promover un Anteproxecto de Plan Específico de Educación para o Rural.


Ningún comentario:

Publicar un comentario