A Vicepresidencia da Deputación
de Lugo - Área de Cultura, ven de comunicarnos que os Orzamentos da Institución
Provincial para este ano 2022, recollen unha subvención directa nominativa a
favor da Asociación socioeducativa Antonio Gandoy, para a realización das súas
actividades na provincia de Lugo, por importe de 15.000 euros.
Grazas a esta subvención, ás outorgadas por distintos concellos, e á achega económica das familias participantes, esta Asociación pode seguir camiñando cara a consecución dos obxectivos polos que foi creada:
- Preservar e difundir o legado inmaterial referido ao pensamento socioeducativo de Antonio Gandoy Díaz, a través da prestación de actividades que viña desenvolvendo o programa Preescolar na Casa por el impulsado.
- Promover unha educación que capacite á persoa para comprender a realidade, intervir nela e vivir en harmonía consigo mesmo, cos demais e coa natureza.
- Difundir unha cultura da infancia, das súas necesidades, potencialidades e dereitos de acordo coa Convención dos Dereitos do Neno adoptada e ratificada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de Novembro de 1989.
- Fomentar a educación da infancia a través de actividades preventivas e formativas que promovan o exercicio da parentalidade positiva.
- Promover a creación de servizos de atención socioeducativa a nenas/os e/ou familias de diferentes colectivos, do ámbito rural, poboación dispersa e contornos familiares de especial vulnerabilidade, co fin de promover a igualdade de oportunidades e a conciliación da vida familiar e laboral.
- Fomentar o estudo, conservación e difusión da cultura tradicional galega así como o emprego e promoción da lingua galega.
- Fomentar a relación con entidades públicas e/ou privadas en aspectos que inciden no desenvolvemento e benestar da infancia e da familia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario