21 de nov. de 2022

O concello de Baleira concede unha subvención para o desenvolvemento do Espazo das Familias durante o ano 2022

 Reunida a Xunta de Goberno do concello de Baleira o día 16 de novembro de 2022, foi adoptado o acordo de aprobala concesión dunha subvención nominativa á Asociación socio-educativa Antonio Gandoy por importe de 1.400 euros para o desenvolvemento do Espazo das Familias que se leva a cabo, nese concello, na localidade de O Cádavo tódolos xoves lectivos en horario de mañá.

No Espazo das Familias de O Cádavo, viñeron participando durante o curso 2021-2022 un total de tres familias realizando actividades que favorecen o desenvolvemento integral das crianzas; facendo saídas a algúns lugares de interese para as nenas e os nenos e as súas familias; debateron sobre temas relacionadas coa crianza, como alimentación, autonomía, respecto ao diferente, como introducir novos alimentos.... e calquera outro que resultara de interese para as participantes.

O apoio permanente dos distintos concellos, coma o de Baleira, é imprescindible para que a nosa Asociación poida seguir traballando para acadar os obxectivos para os que foi creada, entre os que se atopan

Ø  Promover unha educación que capacite á persoa para comprender a realidade, intervir nela e vivir en harmonía consigo mesmo, cos demais e coa natureza.

Ø  Preservar e difundir o legado inmaterial referido ao pensamento socio- educativo de Antonio Gandoy Díaz, a través da prestación de actividades que viña desenvolvendo o programa Preescolar na Casa por el impulsado.

O noso agradecemento a tódalas institucións e persoas que seguen apoiando o noso traballo e que seguen defendendo que 


O que é necesario, ten que ser posible

Ningún comentario:

Publicar un comentario