30 de maio de 2018

A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy no CEIFP Politécnico de Lugo

Como ven sendo habitual nos últimos anos, compañeiras da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy estiveron cos alumnos e alumnas do ciclo de Educación Infantil no CEIFP Politécnico de Lugo.

Despois da charla na que se falou do labor educativo da Asociación, incorporáronse familias participantes nos Espazos das Familias do Concello de Lugo e alumnado do ciclo de Infantil do Colexio Rosalía de Castro para gozar de "O Son que me Arroupa" e dun obradoiro moi táctil: elaboración de ovellas feitas de pinas e lá.

Nenos, nenas e adultos gozaron deste tempo de educación ofrecido pola Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy. 



28 de maio de 2018

Estivemos na Casa das Árbores

Despois de ter que anular a semana pasada,  por causa da choiva,  a nosa excursión  por fin hoxe poidemos gozar dun estupenda xornada visitando a casa de Anxo Moure en Garabelos - Chantada.

Acudimos as familias do Espazo de Ribas de Sil e Quiroga, acompañadas de Pilar, a orientadora; e tivemos o pracer de escoitar fermosos contiños  na Casa das Árbores, gozamos de cine na palleira, brincamos con xoguetes de madeira, merendamos e abrazamos as árbores e, sobre todo, recibimos o amor que Anxo Moure e a súa xente nos transmitiron pola nosa terra, as nosas prantas, as nosas árbores, a nosa xente.



Grazas, Anxo!!! 

Voltaremos a visitarte







e aprenderemos a coidar e querer as árbores.




O proxecto  Contos na Casa das Árbores, posto en marcha polo contacontos  Anxo Moure é unha iniciativa que nace dunha longa traxectoria de educación ambiental e animación lúdico-pedagóxica, en principio a través da Asociación de educación ambiental Papaventos. 
Este proxecto é a continuidade de outras iniciativas como Contos Solidarios  ou as Ciclobibliotecas, animacións en parques e prazas, praias, piscinas … cun ciclocarro holandés cargado con contos; ou máis recentemente o proxecto da  Titiricleta, un festival de títeres itinerante enriba dun triciclo alemán.
Na aldea de Garabelos, en Mariz (Chantada) construíron enriba dun vello castiñeiro e un carballo unha casiña en madeira. Ademáis dunha biblioteca con libros e contos sobre as árbores, a casa ten unha terraza para 10 nenas e nenos onde se organizan contacontos, con incríbles personaxes que contan as súas historias vinculadas ao mundo da natureza. 
Pódese atopar máis información en http://www.contosolidarios.org/




23 de maio de 2018

Na Feira de Asociacións de Ámbito Social de Lugo

Nas imaxes veredes o posto da nosa Asociación na II Feira das Asociacións de ámbito Social de Lugo o pasado día 12. A pesar da choiva, bastante xente se achegou a coñecer as actividades da nosa Asociación, actividades que podedes ver picando aquí. Houbo tamén espazos lúdicos e educativos para os máis pequenos, que tamén poideron gozar dos contos de Anxo Moure.


8 de maio de 2018

A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy na II Feira de Asociacións de Ámbito Social de Lugo

O venres día 11 de maio estaremos na Praza de San Marcos de Lugo, na II Feira de Asociacións de Ámbito Social de Lugo, mostrando as actividades que levamos a cabo e desenvolvendo espazos lúdicos e educativos para todos os nenos e nenas que xunto as súas familias se acheguen ata alí. 

Estarán connosco outras asociacións da cidade como Adega (ecoloxismo), Aliad Ultreia (varios), Ameis (inmigración), Aviva (varios), Axunica (cooperación), Dez Portas (varios), Inmigrantes y Retornados Rioplatenses (inmigración), Leda (Defensa animais), Penitenciaria Concepción Arenal (varios), Reiki Lugo (saúde), Taller de Solidaridad (cooperación) e Venelu (inmigración). 

A Feira está organizada pola Federación de Asociacións do Ámbito Social de Lugo, que pretende establecer vínculos entre as distintas asociacións do ámbito social de Lugo para fomentar a colaboración e o traballo en rede, servir como interlocutora entre os membros e os distintos organismos públicos e/ou privados e axudar na integración social dos diferentes colectivos tratados polas entidades participantes (entidades que se moven nos ámbitos de familia, muller, infancia, persoas en vulnerabilidade, saúde, emprego, comercio xusto, cooperación ao desenvolvemento, cultura, deporte, voluntariado e sensibilización, entre outros).

Esperámosvos.