A Asociación

A Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy, é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como fins primordiais defender e reivindicar a importancia educativa da familia nos primeiros anos , así como un compromiso firme coa lingua, a cultura, a contorna e o saber propios como bens imprescindibles para o desenvolvemento da persoa.

Convencidos de que a familia é insubstituíble no proceso educativo da infancia, e que o fogar é o primeiro e máis importante ambiente de aprendizaxe, pretendemos contribuír ao óptimo desenvolvemento dunha práctica parental positiva.

Queremos axudar a mellorar a competencia educativa familiar e a fornecer a relación pais/fillos.


Nacemos co fin primordial de preservar e difundir o legado inmaterial do pensamento e as accións promovidas por Antonio Gandoy, "o crego da bicicleta", principalmente as vinculadas ao programa Preescolar na Casa.

Tantos anos de estudio e traballo educativo a prol da infancia galega ben merecen ser postos en valor, ben merecen ser ensinados, estudados e perpetuados a través de novas actuacións dirixidas á infancia temperá e as súas familias.

A Asociación colle o nome de Antonio Gandoy por ser esta persoa un referente de todos os que formamos a mesma, e considerar a este home bo e xeneroso un exemplo a seguir nos ámbitos educativo, social, e, porque non dicilo, tamén persoal. Un home que marcou fondamente a todos os que o coñecimos.