15 de maio de 2014

O Sindicato STEG recoñece o labor da Asociación


No transcurso do Secretariado Nacional galego que o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG)celebrou o pasado sábado 29 de marzo no CEIP de Antas de Ulla, acordou por unanimidade outorgarlle á Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy o 0,7% solidario do seu orzamento sindical correspondente ao pasado ano 2013. Esta donación fíxose efectiva o pasado xoves 8 de maio na propia sede da Asociación.


"Como xa vén sendo práctica habitual deste sindicato, todos os anos se busca unha organización, preferentemente galega, que desenvolva un traballo permanente, serio e riguroso, relacionado co mundo educativo, coa infancia, co desenvolvemento das capacidades e potencialidades sociais e humanas das persoas en xeral, e que manteña a súa independencia e autonomía a respecto das demais instancias sociais e políticas. Tamén se procura que sexa un organismo que presente un funcionamento claramente democrático, que teña en conta aos seus asociados nun proceso de toma de decisións o máis consensuado posible. Velaquí os valores que o STEG tamén practica e defende.
Neste caso, a Asociación Antonio Gandoy, como entidade sen ánimo de lucro que ten como fins primordiais defender e reivindicar a importancia do fogar familiar como primeiro e máis importante ambiente de aprendizaxe, foi a escolla máis acaída." 
(Podes ver o documento completo premendo aquí)

Un xesto de recoñecemento ao noso traballo que agradecemos profundamente. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario