3 de feb. de 2016

Inaugurada a praza Preescolar na Casa

A semana pasada estivemos no CIFP Portovello de Ourense, invitados polo seu equipo directivo, para a inauguración da praza do centro á que puxeron por nome Preescolar na Casa, nun fermoso acto con música incluida.

Dentro do proxecto de humanización do centro, os seus pasillos, aulas e espazos, teñen nomes que lembran personaxes, feitos históricos ou movementos significativos para a educación. Por iso, alí hai a partir de agora unha praza chamada Preescolar na Casa. O nome queda así na lembranza xunto a outras figuras educativas como María Montessori, Loris Malaguzzi, María Barbeito ou Giner de los Ríos.

A praza Preescolar na Casa é un espazo onde os alumnos acuden a reflexionar, facer tertulias, un espazo para o diálogo, tan importante na educación e na vida en xeral.

Agradecemos moitísimo ao equipo directivo este xesto, con Xesús Fortes á cabeza, e a todos os alumnos e alumnas, que participaron activamente na presentación e que nos fixeron sentir moi ben. O sistema educativo mellorará moito con estes profesionais e futuros profesionais tan entregados.

O encontro tamén nos servíu para atoparnos con antigos amigos cos que temos compartido moitas cousas en Preescolar na Casa: Toño, Elvira, Lourdes, Hortensia, Paquita, Milagros, Elvira, Sara, Rosa, Marisol, …, e seguro que deixamos a alguén. En definitiva, unha xornada que nos emocionou e que nos servíu, tanto como colectivo como individualmente para seguir traballando en prol da educación e en prol da memoria de Preescolar na Casa, un dos obxectivos que temos como Asociación.


E deixamos tamén unha presentación feita por alumnos da Universidade de Málaga, a modo de lembranza do que foi Preescolar na Casa:



Ningún comentario:

Publicar un comentario