As familias do concello de Láncara que teñen crianzas menores de seis anos, teñen a posibilidade de participar no "Espazo das Familias" que se leva a cabo tódolos luns lectivos, en horario de mañá, Casa do Concello en A Pobra de San Xíao.
O alcalde de Láncara e mais a presidenta da Asociación socioeducativa Antonio Gandoy veñen de asinar o convenio regulador da subvención nominativa directa que a Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria celebrada o día 10 do presente mes de decembro.
Grazas a esta subvención, as familias de Láncara participan de maneira gratuíta no Espazo das Familias, que constitúe un lugar e un tempo de encontro para a formación de nais e pais con nenas e nenos de 0-6 anos.
As profesionais da asociación deseñan actividades dirixidas a reforzar as competencias parentais, así como a dar resposta ás necesidades das familias neste ámbito. Seguindo esta premisa, se tratan temas como a alimentación, a importancia do xogo como ferramenta educativa, os medos, ... e se organizan actividades que favorezan o desenvolvemento integral das capacidades das nenas e dos nenos.
Tamén se ofertou ás familias a posibilidade de participar en saídas e outras actividades fora do lugar de encontro, co fin de coñecer a contorna e descubrir novos espazos e oportunidades de aprendizaxe: actividades no Spa Attica de Vilalba, visita ao MUVICLA (Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria), charlas de formación no local sede da asociación, visita a AVIFAUNA, ...
A experimentación, a observación, a cooperación, a tolerancia, o respecto polos demais e pola natureza, son algúns dos valores que se promoven en tódalas actividades deseñadas nas que participaron, ao longo do ano 2025, nove familias do concello de Láncara.
O interese das familias por participar nesta actividade é evidente, tal e como se manifesta na demanda do servizo, e na permanencia e continuidade das familias que integran os grupos de traballo, é por iso que esta asociación ten intención de seguir prestando no ano que está a piques de comezar

Ningún comentario:
Publicar un comentario