28 de out. de 2014

Chegou o Samaín á Asociación

Chegou o Outono, tempo de castañas, tempo de vendimia e tamén tempo de tradicións. Chegou  o tempo do SAMAÍN e chegou tamén á Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy. Nos nosos Espazos das Familias celebramos o Samaín da mellor das maneiras: gozando e aprendendo.


É unha boa ocasión para, ao tempo que preservamos a tradición, divertirnos en familia baleirando as cabazas e dándolles ese aspecto tenebroso que tanto gusta aos máis pequenos. Nenas e nenos poden, cunha culler, baleirar a cabaza e tocar, ulir, probar, machucar... o que dela van sacando, ao tempo que se divirten estarán experimentado con novas texturas e novas sensacións.

En definitiva, todo son bos motivos para pasar un tempo inmellorable cos fillos e fillas, e unha excusa perfecta para abordar moitas aprendizaxes.


O Samaín ou Samhain etimoloxicamente non significa mais que fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica, a noite de Samaín ten lugar entre o 31 de Outubro e o 1 de novembro, coincidindo co primeiro día do ano do calendario celta, na que os celtas celebraban a chegada do inverno  e o ritual da última colleita. Asociaban esa noite co momento en que as portas do outro mundo se abrían ao mundo dos vivos, o que permitía que as ánimas acudiran a visitar as súas propiedades e os seus familiares, ás veces para render contas inacabadas.

Parece ser que os celtas, para espantar ás ánimas malignas expoñían as caveiras dos inimigos vencidos nos cruces de camiños e nos castros. As cabezas cortadas dos inimigos na cultura celta tiñan un pouso relixioso baseado na crenza de que ó cortar a cabeza do inimigo derrotado, o vencedor se apropiaba da súa forza. Eran consideradas un elemento de carácter sagrado que protexía y outorgaba prestixio a quen a posuía.

Co tempo as caveiras dos inimigos pasaron a ser substituídas por humanizadas cabazas con candeas ardendo dentro.

Por outra banda, para as ánimas dos antepasados que acudían a visitar os seus antigos fogares e volvían a camiñar sobre a súas terras, preparábanse alimentos como benvida

Aínda que se tache de rito pagán e, pese a que o cristianismo tratou de eliminalo, ao fin, terminou adoptándoo, e por iso o papa Gregorio IV converteu o vello Samaín en festa de Todos os Santos no ano 840.

Hoxendía é unha festa moi estendida por toda a xeografía galega, ainda que ás veces tomando como referencia outra festa traída da cultura norteamericana que ben podería ter as súas orixes no Samaín celta.

Nos seguintes enlaces existen propostas de actividades para facer cos mais pequenos:

e non deixedes de ver o vídeo que fixeron no CEIP Mestres Goldar coa canción do grupo Mamá Cabra “O Samaín” incluída no seu disco Patatín Patatán:

Ningún comentario:

Publicar un comentario