26 de xan. de 2016

A praza "Preescolar Na Casa", no CIFP Portovello de Ourense

A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy acaba de ser invitada a un acto no que o CIFP Portovello inaugurará este xoves 28 un espazo do seu centro poñéndolle o nome de Preescolar na Casa. Trátase dun acto que nos fai moitísima ilusión xa que se trata dun xesto de lembranza precioso do programa Preescolar na Casa, e lembrar este programa educativo iniciado por D. Antonio Gandoy é un dos obxectivos da nosa Asociación, que agora e depositaria e dona da memoria do mesmo.
Como non podía ser doutra maneira, alí estaremos, e inmensamente agradecidos.

Deixámosvos un resumo da bonita iniciativa do CIFP Portovello:

O CIFP Portovello de Ourense é un centro integrado de Formación Profesional no que se imparten tres familias profesionais: Administración e empresas, Comercio e márqueting e Servizos socioculturais e á comunidade.
O Equipo directivo do Centro pretende humanizar o espazo, e inspirándose na obra “A cidade dos nenos” de Francesco Tonucci, repensando os espazos do mesmo e nomeándoos co nome de figuras ou experiencias senlleiras e significativas para as persoas da comunidade educativa.
Deste xeito figuras como Emmi Pikler, María Montessori, Loris Malaguzzi, María Barbeito…, serven para nomear aulas ocupadas polo alumnado de educación infantil; Giner de los Ríos, Eglatine Jebb, Gianni Rodari... dan nome a algúns dos corredores, convertidos en rúas, que nos conducen ás aulas; as prazas, amplos espazos cos que conta o edificio nos seus diferentes andares, pasan a adoptar nomes como Dereitos da infancia, Institución libre de ensinanza, Creatividade ou Intelixencias múltiples.
Nelson Mandela, Rigoberta Menchú, Concepción Arenal,… nomean espazos vinculados ás outras titulacións que se imparten no noso edificio.

O equipo de traballo do proxecto tomou a decisión de asignarlle a unha das prazas do edificio o nome de Preescolar na casa, nun intento de homenaxear a un proxecto da nosa comunidade que demostrou, na súa intensa traxectoria, o seu compromiso coa educación familiar e coas necesidades das nenas e nenos desde as primeiras idades. A desafortunada decisión da Xunta de Galicia de suprimir a asignación que facía posíbel a supervivencia do programa conduciu á súa desaparición, mais o tesón dalgunhas das persoas que formaron parte do mesmo permite que o seu espírito perviva a través da Asociación socioeducativa Antonio Gandoy. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario