17 de dec. de 2015

Actividades da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, na programación do Concello de Lugo para o Nadal

A programación organizada polo Concello para este Nadal 2015-2016 ofrece teatro, actuacións musicais, obradoiros, excursións, maxia, monicreques e baile para todos os públicos por toda a cidade.
Dentro da ampla oferta podemos atopar unha serie de actividades que levará a cabo a Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, e que serán as seguintes:

As datas e horas das actividades son:
Obradoiro de masa: 21 de decembro en horario de 11’00 a 14’00 e de 17’30 a 20’30.
Obradoiro de construcións e oficios: 22 de decembro en horario de 11’00 a 14’00.
Concerto O Son que me Arrola e Recanto da música: 22 de decembro en horario de 17’30 a 20’30.
As mesmas terán lugar na carpa situada detrás do Concello, na Praza Anxo Fernández Gómez.

(Neste enlace podes ver a programación completa)


Obradoiro de masa:
Recanto da masa. Un recanto para modelar cun material ao alcance de todos: fariña, sal e auga á que se lle poden engadir aromatizantes e colorantes alimentarios exentos de toxicidade.
Atoparán masa con olor a limón, a canela, a ourego..; coa cor vermella do pemento, a amarela da cúrcuma, ou a marrón do chocolate. Un produto que é fácil de elaborar, e se o gardamos na neveira durará bastante tempo.

Obradoiro de construcións e oficios:
Os xogos de construción teñen un gran valor educativo, xa que favorecen o desenvolvemento motriz, axudan a mellorar a coordinación ollo-man, e a desenvolver a intelixencia e a creatividade da nena e do neno.
Tacos de madeira de distintas formas e tamaños, caixas de cartón, tubos, circuítos de trens e coches e outros elementos da contorna cotiá, permiten ás nenas e nenos desenvolver a súa capacidade visomotriz, a súa intelixencia e creatividade; aumentan a súa capacidade de concentración, e favorecen a autoestima e autonomía
Recanto dos oficios: Un espazo onde nenas e nenos terán a oportunidade de entrar en contacto con ferramentas propias de distintos oficios co fin de afondar na representación da realidade

Concerto didáctico O Son que me Arrola:
Trátase dunha proposta musical que ofrece a posibilidade de achegar aos máis cativos a cultura tradicional galega, da man dos cantos de berce, das retaílas, e da instrumentación. Cunha duración aproximada de vinte minutos de escoita activa, nenas e nenos participaran en todo o concerto facéndose protagonistas da actividade.

Recanto musical:
Por fin os nenos e as nenas terán oportunidade de experimentar coa música sen medo a asustar aos veciños. É un recanto composto por instrumentos fabricados a partir de obxectos da vida cotiá: unha batería construída a partires de latas de conserva, unha guitarra feita con caixas de zapatos e gomas elásticas, beliscófonos con tubos de cartón e globos, .. As nenas e os nenos experimentan cos distintos sons aprendendo que unha tixola non soa igual se a golpeamos cunha culler de metal ou cunha de madeira; que unha botella cuns grans de millo non ten o mesmo son que unha con grans de arroz.

Xa o sabedes: esperámosvos detrás do Concello!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario