28 de set. de 2018

A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, outro curso en marcha

Un ano máis, a Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy volve a poñerse en marcha para ofrecer a nais e pais un servizo de asesoramento na crianza dos máis pequenos na procura dunha parentalidade positiva. Poñemos en marcha actividades que fagan que a nosa sociedade mellore, partindo das ideas e dos pensamentos de D. Antonio Gandoy, ideas e pensamentos que os que formamos a Asociación compartimos.


Organizamos os Espazos das Familias, que constitúen un lugar e un tempo de encontro para a formación de nais e pais con nenos e nenas de 0 a 3 anos. 

Alí, os profesionais da Asociación Socio-educativa Antonio Gandoy (mestres, pedagogos e psicólogos con ampla traxectoria educativa en Preescolar na Casa) deseñan actividades dirixidas a reforzar as competencias parentais, así como a dar resposta ás diferentes necesidades das nenas e dos nenos. Son Espazos dunha periodicidade semanal, en sesións dunha hora e media de duración. A continuación desta sesión, as familias disporán dun tempo individual para aclarar dúbidas mediante unha titoría concertada.

Organizamos O Son que me Arrolaunha proposta musical que ofrece a posibilidade de achegar aos máis pequenos a cultura tradicional galega, da man dos cantos de berce, rimas e instrumentación.

Organizamos Festas Xogueteiras espazos e tempos de ocio compartido entre nais e pais con nenos e nenas de 0-3 anos, nunha xornada de aprendizaxe estruturada por Espazos onde os máis pequenos poden desenvolver diferentes capacidades.

E moitas outras que vos iremos presentando nesta web.

Podedes poñervos en contacto connosco picando nesta ligazón, para participar das nosas actividades. Esperámosvos!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario